Mal día

E aínda é susceptible de empeorar.

06:45 hs: Por que a noite pasa tan rápido?

9:00 hs: Unha encomenda amablemente pedida por min, e amablemente aceptada, vaise adiando e adiando. Ninguén ten culpa, pero mecachis na mar

10:00 hs: Un funcionario que tería que se limitar a remitir uns datos, nugallanea facendo preguntas de imposible resposta. Peñazos de funcionarios.

10:30 hs: Vexo nun periódico de alcance estatal que falan dun compañeiro da infancia ao que aconsellei ( o que me deixou ) hai meses: penso en Carlo Cipolla como tantas veces ao longo dos últimos dez anos. A saída á luz pública da mala nova perxudica ás dúas partes sen beneficio algún. Mesmo se poderían discutir outras cousas verso deontoloxía profesional e filtracións. Sospeito dunha persoa concreta: non o agardaba. Alá el.

11:15 hs: O xefe do funcionario das 10:00 hs chámame para dicirme que non me pode facilitar os datos solicitados, indo en contra das ordes da súa inmediata superiora. Discuto: el é un cínico e un nugallán, eu un borde. Peñazos de funcionarios. Cipolla outra vez: perxudícome eu, perxudícase el. Ou como lle dixo “O Turco” a Tom Hagen: “Mala sorte para min e para ti”.

11:40 hs: Voume chivar: Conduzo de moi mala uva. Aparco en San Clemente. Ao facer unha manobra case atropelo ao Sr. Conde, o ex-conselleiro de Cultura que o outro día falou ( creo que sen sorna ) ben de min. Acéndesenme as fazulas pensando nas posibles consecuencias da consumación do accidente: “Blogueiro malhumorado atropela a insigne persoeiro que o outro día fixéralle unha laudatio”. Parafraseando a Rick: “de tódolos aparcadoiros do mundo, tivo que escoller precisamente este”

11:45 hs: Reminiscencias da infancia: consumo o chivatazo. Dígolle á Xefa que ten uns funcionarios ao seu cargo non especialmente probos. ( Por que “probo” sempre vai con “funcionario”?) Manifesto o meu desconcerto ante semellante subordinación. Ela di que o vai arranxar.

12:15 hs: Visito as oficinas dun colega da Xefa. A secretaria non sabe cando poderei falar con el en persoa, aconséllame que o chame mañá pola mañá cedo e intentar conversar vía telefónica. Levo agardando vinte días, e o tempo pasa e empeza a abafar a chegada do verán.

13:00 hs: A Xefa chama. Arranxouno dun xeito indirecto, pero non terei datos ata dentro duns días. Ergo: hai que modificar as previsións de traballo das vindeiras horas. Peñazo de funcionarios.

14:00 hs: Unha amiga chámame para baixar comer con ela: a allada do brecol estaba moi forte, os chocos grandes e duros, as patacas graxentas, a sobremesa de chocolate demasiado espesa. A amiga recoñece que o seu noivo: a) é pijo; b) ten dificultades para manter o emprego; c) votou ao P.P.

15:30 hs: Seguro que a tarde ten grandes novidades. Agardamos por elas. Pensándoo ben, tampouco pasou nada tan grave que non se poidera arranxar con paciencia e tempo, con tempo e paciencia. Ollareime no espello de Rajoy.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*