Tiresias no metal de Vigo

Os que acreditamos no dito dos ciganos: “preitos teñas e os gañes”, andamos na procura de puntos de encontro que poidan evitar conflictos que fan perder as dúas partes. Por mor da miña – modesta – experiencia protagonizando discusións simbólicas en estrados, escoitando e lendo sentenzas xudiciais, estou certo que a presenza ante tribunais é unha derrota antes de empezar, e que o oficio dos avogados non é outa cousa que minimizar os danos causados pola presenza do xuíz.
O que vale para os tribunais vale tamén para a vida cotiá. E por conseguinte para os conflictos laborais.
Xa o dixen neste blog hai tempo, e non hai razón para non o repetir de novo: os dous mellores compañeiros de clase que tiven na facultade en Compostela, tanto por expediente académico coma por boas persoas, andan agora decote nos medios de comunicación: Carlos Aymerich, político; e Xaime Cabeza, candidato a Reitor da Universidade de Vigo. Este último negociou a penúltima lea do sector do metal de Vigo, hai poucos anos. Mágoa dos incumprimentos, e mágoa de que a historia só a escreben aqueles que gañan a guerra ( xa sabemos quen son, hai moita diferenza de armamento entre eles).

De tódolos xeitos cómpre lembrar a Tiresias, principal mediador na mitoloxía grega pola súa capacidade de empatía. O feito de seres capaz de se pór nas dúas perspectivas, exercicio nada doado, capacítao para axudar a que as partes en disputa vaian recoñecendo argumentos razoabeis no rival, e por ende, a respectar ao contrario. En ocasións, o feito de coñecer de primeira man as dúas posicións, converte ao mediador en árbitro, e a xustiza pode chegar a incomodar e inhabilitar para o rol que, paradoxalmente, mellor preparado debería estar.
Pasoulle así a Tiresias, que ao mediar na disputa entre Zeus e Hera sobre cal dos xéneros humanos obtiña máis pracer co acto sexual, e respostar Tiresias lembrando a súa experiencia ( anteriormente fora tanto home coma muller ) que os homes gozan a décima parte do que gozan as mulleres, obtivo a enemiga de Hera.

Levamos días escoitando nalgunhas emisoras de radio das Rías Baixas anuncios dos sindicatos convocantes da Folga do Metal, animando a cidadanía a se manifestar canda eles hoxe ao serán polas rúas de Vigo. Dan argumentos ben razoados que non foron reflectidos en xornal ningún, nin na TVG, nin tampouco na radio. Os homes que acordan cedo para traballar nos asteleiros e voltan tarde e cansos a súa casa non teñen – hoxe – quen os defenda. Non importa o pouco que cobran nen a precariedade do seu traballo. Aos cidadáns incomódanos os atascos na caótica cidade, e temos medo ( propio e por nosos fillos e vellos ) aos parafusos voadores, aos foguetes, as pelotas de goma.

Os empresarios teñen a compaña da administación galega – como non – máis tamén dos medios de comunicación que (des)informan e dos temerosos cidadáns que, coma min, calamos e consentimos.

Quero homenaxear ao meu sogro, ancián de oitenta anos, que o outro día no medio das algaradas revolviuse contra outra vella que se queixaba do barullo e lle dixo: “Como quere que defendan o seu posto de traballo? Indo a misa?”.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

3 thoughts on “Tiresias no metal de Vigo

  1. Por desgraza esa perspectiva do seu sogro comeza a ser frecuente tan só na terceira idade, é como se para o resto da sociedade a loita dos obreiros fose unha cousa de eras pasadas, unha certa reminiscencia doutro tempo. Algo moi grave en cidades cunha longa tradición de loita como a súa (ou a miña).

    PD: o de Tiresías do 10/1 é a pura verdade, sinto anoxar aínda máis a Hera.

  2. Si, tes razón. Os obreiros son invisibles durante todo ano para as novas clases sociais ( funcionariado, servizos), agás nestes intres de reivindicación que se converten en incordios.

    Agora, xa na casa, collo o libro de Robert Graves:
    “Outros din que unha vez, no monte Cilene, Tiresias vira dúas serpes mentres copulaban. Cando ambas o atacaban, golpeunas co seu bastón e matou á femia. Inmediatamente Tiresias foi transformado nunha muller e chegou a ser unha célebre ramera; pero sete anos máis tarde volveu ver o mesmo espectaculo no mesmo lugar, e esta vez recuperou a súa virilidade matando a serpe macho. (…)Uns días despois Hera empezou a reprochar a Zeus polas súas numerosas infidelidades. Defendeuse el alegando que, de tódolos xeitos, cando compartían leito, era ela quen máis gozaba, e con moita diferenza: -As mulleres, por suposto, gozades no acto sexual infinitamente máis que os homes- dixo el.
    – Que tontería,- replicou Hera-. É xustamente ao revés, e de sobra sábelo.
    Tiresias, chamado para facer de árbitro na disputa pola súa experiencia persoal, contestou:
    – Se en dez partes divides do amor o pracer, unha parte vai aos homes, e nove á muller.
    O sorriso trunfante de Zeus exasperou de tal xeito a Hera que deixou cego a Tiresias, pero Zeus compensouno coa visión interior e unha vida que habería de durar sete xeracións.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*