Un taxi pola mañá

Caían as folerpas sobre a miña cabeza hoxe pola mañá. A rotura do damper do cigoñal do coche obrigoume a tomar un taxi que me levara ata o traballo. E desde Área Central ata o choio tiven tempo de discutir co taxista.
O caso foi que o choffeur, azuzado polas verbas de Soraya que saían da radio, fixo un comentario pro israelí: “Cos terroristas non se negocia, hai que facer como Fujimori: metelos todos nun sitio e pegarlles un bombazo”. Despois de dubidar entre calar, darlle a razón ou replicar, decidinme pola última opción e deume tempo a deixar no ar unha serie de preguntas, algunhas aínda sen resposta: “E como sabemos que son terroristas?”, “cando en Afganistán matan soldados españois, iso é terrorismo?”, “foi, daquela, terrorismo, os actos de Cachamuiña e Carolo en Vigo cando hai douscentos anos mataban a franceses?”, ” foron terroristas el Cura Merino e El Empecinado?”, “foron actos de terrorismo as bombas caídas en Hiroshima e Nagasaki?” “ou os bombardeos de Dresde e Guernica?”.
Coido que me equivoquei de táctica. Igoal que pasa cos túzaros da lingua e xa que non é posible manter unha conversa racional con eles, a mellor solución e irlles dando a razón como aos tolos e mesmo esaxerar as descricións ( “fan ben en matar palestinos, sobre todo a nenos, está demostrado que dende os cinco anos xa son expertos terroristas”), a ver se dunha destas caen da burra coma Saulo do cabalo.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

4 thoughts on “Un taxi pola mañá

  1. Fai mal calar, debera contar con que a xente ten moita desinformación e de historia anda moi xusta.
    Non sei se lle escomenzan a opinar os fillos pero algunha das opinións dos meus son horripilantes, a pesares de ter certa información e cultura.

  2. Ian: haberá que azuzar o cabalo como quen varea a oliveira: a ver se a oliva indiferente ao chegar á terra convértese en comprometida.

    Xaime: benvido a esta súa casa. Meus fillos son demasiado pequenos para ter unha representación do mundo, pero asegúrolle que desde que van á escola cando falan co pai fano en castelán.

    Tres visións do mesmo feito: Ian é escéptico da utilidade da parola como instrumento para que o contertulio poida ter outra visión do mundo. Xaime aconsella a teimosía na fala. Eu non sei que faría de se repeter algo semellante, porque, dicían, o esforzo sen froito provoca melancolía.

    Un apontamento de estilo: D. recrimíname o uso de “choffeur”, respóstolle que non é máis que unha pedantería. Certo é, pero si hai algo máis, ao escribir o palabro lembraba “La verdad sobre el caso Savolta” (debería ter posto un ligazón, seica) e o uso que fai Javier Miranda da verba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*