Virá a morte e terá os teus ollos

Non paro de ler no día de hoxe comentarios en distintos xornais que lembran os últimos versos escritos por Cesare Pavese ( del quen, por certo, hai tres meses cumpríase o centenario do seu nacemento). A causa da sorpresiva interese polo poeta italiano é non menos sorprendente: Xa que o escritor intitulou unha obra súa coa evidente “Lavorare stanca”, traballar cansa, varios xornalistas asocian a sentenza literaria coa actitude de Mariano Rajoy, persoa de dereitas de toda a vida pero que seguro que admite unha grande simpatía por Lafargue, o xenro do Karl Marx.
Os columnistas discútenlle a Rajoy a ausencia no Congreso dos Diputados canda a votación dos Orzamentos Xerais do Estado, coa escusa incrible de estar xantando cun adversario do seu propio partido: o inefable Mayor Oreja.
Eu non achei de menos a Rajoy, abondoume cunha frase do día anterior para quedar farto del, cando dixo que Zapatero baixouse os pantalóns diante dos nacionalistas por, entre outras cousas, formalizar a subcomisión de seguimento de infraestruturas para Galiza. Esa frase pasmoume e incomodoume a partes iguais. Incomodoume porque amosa pouco sentido común, ningún respecto aos colegas de partido do Parlamento galego, e evidencia o seu definitivo esquecemento da terra que o viu nacer.
Pásmame pola carga negativa que pretende pasarlle a expresión da baixada de pantalóns. Ademáis dunha diáfana connotación machista homófoba ( máis propia de Aznar que do socio do Liceo Casino de Pontevedra) revela descoñecemento da realidade: baixar os pantalóns anuncia algún dos mellores momentos do día ( durmir, cagar, mexar ou otras accións pracenteiras – facer deporte, por exemplo). Relembremos unha das mellores esceas de pracer na historia do cine: a faciana de Peter Sellers no Guateque mentras bota unha adiada mexada.
Non vou o fondo asunto, non paga a pena. Consólame polo menos que a preguiza de Rajoy serva para recuperar ao escritor Pavese e as súas circunstancias: Os ollos da morte que procurou estaban inseridos na face da norteamericana Constance Dowling, belísima actriz de curto recorrido, menos lembrada pola súa arte que polos comunistas amoríos que gozou: ademáis de Cesare, o director de cine Elia Kazan, tan extraordinario director coma pésima persoa, segundo contan ( queda pendente falar del, e darlle voltas á idea tantas veces esquecida de que a excelencia profesional non ten por que vir engadida da bonhomía humana ( o exemplo típico é o de Isaac Newton).
Virá a morte e terá os teus ollos, verrà la morte e avrà i toui occhi non fica lonxe de “estos días azules y este sol de la infancia” de Machado ( ah, vostede é o irmán de Manuel, que lle dixo Borges) ou da Casida del Sediento de Miguel Hernández. Tres tristes mortes, por certo.

A fotografía de Constance Dowling é da revista Life.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*