Crónicas gastronómicas. 3ª. Casa Marcelo.

Na rúa das Hortas de Santiago de Compostela, pertiño da Praza do Obradoiro, medio agachado, atópase Casa Marcelo, un restorán moderno, coa cociña á vista, e cunha clientela variopinta que adoita ir xantar coma os conversos ires a misa: con devoción proselitista.
Fun por motivos de traballo, o que me deu tempo a ollar con vagar ás mesas veciñas: unha parella de xubilados angloparlante que reiteraron os seus parabéns polo servizo dispensado á elegante xefa de sala, políticos que eu cría retirados, tres rapaces que non chegaban a trinta anos con pinta de ser desa clase de empresarios denominada “emprendedores” caracterizada pola forma de vestir “casual”, e a miña esquerda unha xove parella de físicos meteorólogos cun bebé ( o rapaz foi hai dezasete anos un dos meus primeiros alumnos de xadrez ). A entrada no local da clientela espaciábase no tempo, de xeito que cando algúns entraban – pasadas as tres da tarde – outros xa ían saíndo, polo que se foi producindo unha renovación constante na paisaxe humana do restorán ( como nos tempos do Catro Ventos, vamos ).

A peculiaridade do local ten un forte paradoxo: podes calificalo como “comida caseira” no senso de que ti sentas e, como na casa dos teus pais, vai aparecendo a comida, que si queres a tomas ou senón deixas, pero sen opción a retruque. Por outra banda, e un local só apropiado para menores de cincoenta anos ou para maiores previamente educados no refinamento gastronómico: típica presentación que aborrecerían os vellos: pouca comida en cada plato… pero non estamos en Galiza?

Na miña mesa había pan – recén feito no propio restorán – auga Cabreiroá e un viño albariño que estaba ben bo.
De contado chegaron os manxares, que de seguido enumero:
– Paté de anchoa con pan de romero.
– Chipiróns na súa tinta.
– Sardiña con pementos de Padrón.
– Menestra dea verdura da temporada.
– Atún con tomate.
– Pescada al pil pil de limón e caldo de pementos verdes.
De sobremesa:
– Piña colada
– Bica.

Consideracións:
1ª.: Un remata farto, pouco cada vez pero bastante en conxunto. Polas dúbidas o consumo do gorentoso pan é notable.
2ª.: Todo moi rico.
3ª.: Sardiña vai en singular: unha e pequena. Mágoa porque estaba excelente.
4ª.: O mellor, de matrícula de honra, a pescada al pil pil. Perfecta.
5ª.: Mención de honra á piña colada.

Este menú degustación son 60 euros sen ive e co viño e cafés aparte. Son moitos cartos para comer ( e máis para min, que adoito xantar por 4,90 nos comedores universitarios, dos que escribirei en pouco tempo ), pero quédame a sensación de que máis que gasto foi un investimento: Tanto a harmonía do local coma a preparación da comida convida á delectación, ao uso intensivo dos sentidos, ao uso consciente do gusto e do olfato.
Por conseguinte: non é un sitio para ir todos os días – quen poidera – , senón para un capricho de cando en vez, ou para aconsellar cando se trate dalgún compromiso profesional.
Sigo sen ter claro, logo, se é caro ou barato, nas coordenadas calidade/cantidade/prezo. A experiencia estivo ben, e o dono, Marcelo Tejedor, ademáis de entrañable ( cuestións persoais miñas ) é un tipo interesante.

A imaxe do apetitoso tomate está sacada da propia páxina web de Casa Marcelo.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

5 thoughts on “Crónicas gastronómicas. 3ª. Casa Marcelo.

  1. Perdón pola tardanza en respostar pero xustamente estiven preparando unha reunión cun Magnífico cliente de Casa Marcelo.
    Cesare e Arumes: non liguei porque a política municipal viguesa non é especialmente popular alén o Galiñeiro. Alí o carón do monte traballa o ex-colega de Ventura P.M. que excitou ( en acepción inglesa) a miña curiosidade. Quero pensar que estaba conspirando porque estaba acompañado dunha dama, e a estas casas de comidas cando se vai en parella ou ben é para traballar ou ben por negocios de amores. Este foi outro motivo para a discreción.
    r.r: Si, é un sitio magnífico, e en comparanza con outros de máis sona menos caro, pero non é para ir todos os días (quen poidera!)
    Calidonia: Certo que fun mestre de xadrez pero político nunca fun e cada vez me afasto máis dos xeitos diplomáticos.
    Por certo, Calidonia e Cesare, se van apostar polo do 1 de marzo, téñanme avisado que gostaría apostar por fóra, ou se cadra por dentro.
    Boas noites e boa sorte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*