20-N

Hoxe é xoves, como hai xusto 33 anos.
A noite anterior suspenderan a programación habitual de TVE ante o agravamento no estado de saúde de “Su Excelencia El Jefe del Estado” para emitir unha película: “Objetivo Birmania”, de Raoul Walsh con Errol Flinn. Durante os días anteriores fóronnos acostumando á letanía normal nestes casos: “Firmado: El equipo médico habitual”. Houbo verbas que ecoaron por vez primeira nos ouvidos da xente común: “tromboflebitis, heces en forma de melena, parkinson”. Parecía que “la cuestión biológica” ía formalizarse, a pesares da presenza de reliquias varias ao pe da cama do agonizante. Nos medios de comunicación escritos empezou a saír decote a perrera que anunciaba a faciana do Director da Residencia Sanitaria “La Paz”, que aos poucos anos fíxose moi popular por motivos realmente importantes (presidente dun club de fútbol). Tamén andaba por aí, embutido nunha elegante bata branca, o xenro do Generalísimo e émulo do Dr. Barnard.
Nun país exótico, é dicir, no estranxeiro, aqueles días íase celebrar un magno acontecemento: a eleición de Miss Mundo, e a representante española, Amparo Muñoz, semellaba ser unha das favoritas. No Barcelona xa xogaba Cruiff, e o Celtiña ía empezar en pouco tempo a súa fase de equipo ascensor.
Acordaría eu sobre as seis ou sete e meu irmán desde a cama do lado e coa radio posta confirmou que aquela mañá non tiña que ir ao colexio. Pouco despois prendimos a vella tele en branco e negro, cun adaptador de corrente xunto ao interruptor, para ollar ao Presidente do Goberno saloucar mentres lía o testamento político do defunto.
Eu era un neno que empezaba a ter curiosidade polo que pasaba ao redor, e aqueles tempos foron vizosos en estímulos: o venres moreas de xentes pasando diante do túmulo, o sábado coroación de El-Rei, o domingo enterro. Unha semana despois misa solemne oficiada por un Cardeal con mala reputación entre os do búnker, que lle facían pareados co apelido. Tempos expectantes. Problemas económicos. Viaxes ao estranxeiro do novo Xefe do Estado. Declaracións en Nova Iorque póndo podre a Arias Navarro “desastre sin paliativos”. En xuño ou xullo, eu estaba en Ervedelo, nomeamento sorpresa dun novo Presidente do Goberno, “que error, que inmenso error”.
Leas na rúa. Citröens dous cabalos no medio da estrada facendo barricada. Os grises entran na casa duns veciños e confiscan libros do fillo a quen lle dan unha malleira. Manifestacións. Carrillo con perruca. Asasinatos de avogados na rúa Atocha. No Sábado Santo Alejo García, estafado de correr escaleiras arriba, anuncia a legalización do Partido Comunista. Demisión subseguinte de Pita da Veiga. Fago a Primeira Comunión: o curmá da miña nai, cámara da TVE en Galicia, regálame unha Parker. Eleicións xerais o 15 de xuño. Nomes de políticos: Adolfo Suárez, Felipe González, Santiago Carrillo, Manuel Fraga, Miquel Roca, Marcos Vizcaya, Juan María Bandrés. Nomes de xornalistas: Emilio Romero, Pedro Rodríguez, Cirilo Rodríguez, Lalo Azcona, José Antonio Plaza, Jesús Hermida, Alfredo Amestoy, Juan Luis Cebrián, José María García, Cándido, José Luis Balbín, Tico Medina. Nomes de deportistas: Mariano Haro, Santiago Esteva, José Manuel Fuente, Ángel Nieto, Iríbar, Perramón, Emiliano, Buscató, Manuel Orantes.
Daquela, cando morreu “el anterior Jefe del Estado”, Baltasar Garzón tiña 20 anos.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

One thought on “20-N

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*