Enrique Vidal Abascal. 1

Na porta da Facultade de Matemáticas hai hoxe un cartaz que conmemora o centenario do nacemento de D. Enrique Vidal Abascal, ao tempo que anuncia un congreso matemático na súa honra.
Cando me interesei hai ben anos de sitios en Compostela onde se xogaba ao xadrez, contéstaronme aconsellándome dous sitios: o Nemenzo na zona vella, e o Miami en Doutor Teixeiro – o Atlántico daquela aínda non entrara nas nosas vidas-. Alí, no Miami, nas mesas do medio, efectivamente xogábase ao xadrez polas tardes, e de calados miróns sempre estaban dous anciáns. Un chamábase Javier, e dicía que fora testemuña presencial e ben pertiña do incendio que asolara o teatro Rosalía de Castro en Vigo. O outro ancián parecía algo maior, posiblemente motivado por un pequeno tremor nas mans e na faciana: un home elegante, con garabata.
Ao remate de cada partida, Xosé Luis Veiga, o home que máis sabe de xadrez en Galicia, virábase para comentarlle aos anciáns as incidencias de cada partida, os cales asentían con acenos que significaban que entendían a explicación. O Sr. Javier aínda falaba – e moito – entre partida e partida; o home elegante: D. Enrique Vidal Abascal adoitaba calar, e cando falaba todos escoitaban.
Para un recén chegado coma min, que non coñecía a ninguén dos alí presentes, mozos e vellos, resultaba un chisco emocionante ollar qué tremendo respecto se lle gardaba a aquel señor de exquisitos modais. Ata moitos anos despois non souben por qué.
D. Enrique debía aparecer polo Miami tódalas tardes de luns a venres contra as 17:30 horas, e non se ía ata que o recollía un fillo seu non máis alá das 19:30. Como me pasou con outros persoeiros da vida política galega de finais dos anos 60, Foz ou Federico Ordax, a miña relación con eles naceu e desenvolveuse ao redor de 64 escaques, sen falar xamáis de política.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*