Decálogo de boas prácticas no deporte I

Sistematicamente, e dende hai moitos anos, nestas épocas previas ao comezo do verán, asistimos cada vez menos escandalizados ao que se podería chamar como a perda progresiva dos mínimos valores deportivo.
Este ano escoitamos falar impunemente sobre o inminente ( e afortunadamente falso ) amaño do partido Osasuna – Real Sociedade; máis tarde lin – horrorizado – unha carta ao director no Faro de Vigo onde o autor, que se autocalificaba como “ex preparador físico” dun equipo do Morrazo, laiábase indecentemente como outro equipo da mesma península non se deixou perder, e decidiu xogar o seu partido con normalidade. Hai poucos anos, no anterior descenso do Celta, previo ao encontro entre estes e o esaxeradamente denominado “eterno rival”, o inefable presidente do equipo do Sur ( que chegou a ser concelleiro do PP en Vigo autodeclarándose a persoa máis importante da cidade ), tamén implorou a clemencia norteña aludindo á fraternidade galaica. Ou indo máis anos alá, non moitos, esta vez o adestrador do equipo filial dos norteños, que na derradeira xornada de competición entrou chorando nos vestiarios visitantes para pregar menos intensidade no xogo rival e un par de goliños de balde. E aínda máis lonxe lembro a vergoña allea que sentín cando o intérprete dalgunhas das cancións máis bonitas do meu idioma recoñecía na súa etapa de presidente do club da súa cidade que foi mercar os partidos necesarios para o benestar do seu equipo.
Os medios de comunicación son culpabeis de incitar estes comportamentos, e tamén son culpabeis de maleducar ao público, que considera o resultado final como o único valor do deporte, e tamén son culpabeis de non avergoñar nas súas portadas aos impresentabeis mercaderes. O público tamén é culpable, individual e colectivamente, cando se abeira na masa para criticar ao rival que cumprindo as súas mínimas obrigas deportivas, loita con intensidade.
E dende logo son culpabeis os analfabetos directivos que nunca tal se viron de popularidade social, e que pensan que as prácticas mafiosas ás que están tan adoitos na súa vida laboral poden ser transportadas ao deporte.

Haberá uns meses chegou ao meu poder un imprescindible tríptico editado polo Departamento de Deportes do Concello de Santiago intitulado “Decálogo de boas prácticas no deporte”, con cadansúas recomendacións a deportistas, pais e nais de deportistas, técnicos, árbitros, directivos e espectadores. Debería ser amplamente difundido e mesmo obrigado a memorizar, a ver se imos mudando un pouquiño a derrota que están tomando os acontecementos.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

One thought on “Decálogo de boas prácticas no deporte I

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*