Municipais: Vigo

O domingo pola noite tódalas miradas estarán postas en Vigo, aínda que de esguello comprobaremos se hai alcalde nacionalista en Ourense, se acada maioría absoluta o PSOE en Compostela e a perde na Coruña, se Ferrol deixa de votar conservador…
Pero a atención estará en Vigo porque non hai aínda agora, cincoenta horas antes, ningún indicio seguro de quen vai ostentar o bastón de mando da cidade máis populosa do país. Hai catro candidatos e os catro poden soñar en ser alcalde.
Manuel Soto devece por repeter a xogada de Rodríguez Sahagún. Difícil o ten e máis probable semella que se conforme sendo tenente de alcalde – tocar pelo, vamos, na lingoaxe taurina que tan ben coñecen por alí.
Corina Porro ten tres escenarios favorabeis: maioría absoluta, apoio do compañeiro Soto, desacordo entre PSOE e BNG. Como esta última posibilidade é utópica xa que implicaría unha crise incendiaria en toda Galicia, supoño que Corina estará pregando para que as consecuencias da Folga do Metal, e as subseguintes algaradas, lle veña no seu beneficio.
Caballero e Santi Domínguez soñan con gañarlle ao outro e que Porro non saque a absoluta.

Pasada xa o noventa e cinco por cento da campaña decátome que a mesma foi moi longa para Corina e Caballero e moi curta para Santi Domínguez, que foi indo de menos a máis, e que vai chegar á meta ao carón do socialista. Teremos que ter preparada a fotofinish. Corina volveu deixar claro a inanidade do seu proxecto, en clara sintonía co seu lema persoal: ningunha mala palabra, ningunha boa acción.

Caballero ten a rémora da vacuidade das súas verbas, da falta de entusiasmo do seu partido, dunha candidatura lamentable, onde a súa número catro puña podre publicamente sempre que tiña ocasión a súa número dous ( a alpinista Chus Lago)chamándoa – a cousa máis suave – “niñata paracaidista”.

Santi Domínguez é bo candidato – e o mellor claramente dos que agora se presentan – pero tivo que ir remontando río arriba os erros pasados do seu partido e as interesadas primeirizas enquisas provintes dun medio de comunicación doutra cidade que leva tempo apostando en Vigo polos candidatos castelán falantes, e que tenta facer realidade o principio cuántico de que a medición dunha magnitude altéraa.

Como nestas eleicións voto en Vigo votarei por Santi Domínguez. E fágoo co convencemento de que sería a mellor opción para a cidade onde nacín. Como el, e os outros candidatos, non coñecen sequera da miña existencia as miñas opinións nacen libres. E como os catro tiveron opción de ostentar cargos públicos e ter responsabilidades de goberno podemos comparar. E eu, que estiven ben atento á xestión de Domínguez en Vigo e despois en Compostela, creo que saca boa vantaxe a tódolos demáis.

Hoxe non teño idea de qué pasará. E se os meus desexos se convertirán en realidade. Todo está por ver no emocionante rush final. Veremos.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

5 thoughts on “Municipais: Vigo

  1. En épocas de descrédito dos sindicatos: UXT en Ferrol, CCOO en POntevedra… os anarquistas manteñen a súa inocencia. ¿Por qué estranas redes, Hipatia, chegou a esa noticia?
    Por certo, increméntanse as posibilidades de que “El solitario” sexa natural de Pontepedriña: na grabación do Banco Popular de Astorga compróbase que levaba unha insignia do Real Madrid.
    Oiga Hipatia, faga o favor de non estar o sábado ate as tantas no Tarasca para o día seguinte erguerse a tempo de ir votar. Non vaia ser o demo e Conde Roa gañe.

  2. Pois eu estou ben a favor do da CNT, se non quere ir que non vaia, era o que nos faltaba.
    E por certo, Ferrol nunca votou conservador nen máis nen menos, se miras os últimos resultados as forzas de esquerda e de dereita fican equilibradas e todo se decide nos pactos.

  3. Estou censada en Compostela desde hai 4 anos, pero son de Ferrol, e case debo dicir que me preocupa máis o que gañe alí, porque o de Ferrol á moi triste, é para decir a famosa frase de se gaña algún marchamos…Cada vez que vou alí veño máis triste, os que gobernan Ferrol non pelexan por ela, e os que puideron cambiar algo só lles deixaron estar catro anos e con recursos esgotados. O panorama ferrolán e totalmente desolador…

  4. Home Mario, no ano 2003 os resultados foron de maioría absoluta para a coalición conservadora PP – Juan Fernández. Afortunadamente para os ferroláns o experimento Fernández parece ir esmorecendo. Que Vigo e Ferrol tiveran alcaldes do PP aparentaba contra natura.
    Cidades as dúas difíciles, como todas as industriais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*