Farmacias. Ética

Aproveito un post de Ana Bande para falar dun asunto pendente: Ética.
Ética en canto sistema moral útil para tomar decisións na vida cotiá.
Hai cinco anos e medio e por mor dunha grave enfermidade dun neno dun ano de idade acudín moitas veces nun par de días ás farmacias da miña contorna. Había dúas a distancia semellante: a primeira pola Praza de Xoan XXIII e rexentada pola viúva dun director de cinema morto moi novo; a segunda coñecida pola súa negativa a vender preservativos e sita na Praza da Industria ( a protagonista da historia contada por Ana ). A miña escolla sempre foi acudir á primeira e por unha razón ideolóxica, supoño que banal e simplista, pero consciente: “prefiro gastar meus cuartos no negocio da familia dun pioneiro do cinema galego que incrementar a fortuna duns radicais opusdeistas que non lles importa a transmisión de enfermedades venéreas”.
Fago un resumo: compráronse medicamentos moi caros nas dúas farmacias. Afortunadamente despois houbo unha modificación no diagnóstico que provocou un troco no tratamento e a inutilidade da medicación mercada. Solicitei a devolución ( os paquetes estaban sen abrir, claro) para recuperar o diñeiro e mentres a farmacéutica carca e retrógrada recollía as medicinas e dábame o seu importe, a farmacéutica intelectual (simplifiquemos así) negábase a facelo, volvendo eu para casa de novo cunhas medicinas inútiles e sen cartos.
Dilema: onde acudir as seguintes veces? Non volvín nunca mais pola farmacia da viúva do cineasta, seica despois foi traspasada. Vou sen problemas á da Praza da Industria. (Prefiriría que venderan condóns, no que supón de servizo aos clientes, pero xa que é ben doado conseguilos a escasos metros, alá eles se non querer facer negocios co latex)

Outro dilema: Tras o peche de Pascual en Outeiro de Rei decidín non volver mercar alimentos desa marca. Supoño que non fun o único porque na actualidade en moitos supermercados hai abondosas ofertas rebaixadas deses productos. Qué facer?

Ríome só: mentres o mundo párase polo volcán islandés, mentres a xudicatura española incorre en sucesivos ridículos, mentres CR9 anuncia unha bebida isotónica, mentres a economía española segue en recesión, eu ando a cavilar sobre a escolla entre Pascual ou Clesa.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

2 thoughts on “Farmacias. Ética

  1. Nunha ocasión, sendo bastante máis novo, por aquilo da explotación en Asia, decidión que os meus seguintes tenis non serían nin Nike, nin Adidas, nin nada de marcas desas, e buscaría outra orixe. Non foi posible. Todos na tenda eran “Made in China” menos os “Made in Vietnam” que merquei.
    A capacidade proactiva do consumidor está tremendamente limitada moitas veces, pero o feito de plantexarse as connotacións éticas, ademáis das outras, entre varias opcións de compra, xa nos afasta un pouquiño da culpa de ser coma o gando que come o que lle botan.

  2. O sector farmacéutico é dos máis retrógrados deste país, e o digo por experiencias case propias. Sei de profesionais que asqueados polo abafante e rancio corporativismo desta xente abandoou a súa profesión e agora traballan como conserxes ou perruqueiros. Non é certo que non podamos facer nada como consumidores. De feito na farmacia da Praza da Industria, e a xulgar pola dinosauria que me atendeu, fun a primeira en pedir unha folla de reclamacións. Ninguén a pide en ningures. Ninguén esixe, nin reclama. Só latricamos e latricamos do mundo tomando as cañitas pero de coller o boli e escribir e pelexar polos nosos dereitos, ná de ná. E así nos vai. E iso nestes tempos nos que o que diga o cliente vai á misa. Eu creo que debemos denunciar estas situacións,primeiro polo via regulamentearia e logo espallando en voz alta estes casos como o estamos a facer agora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*