Inmunda escoria

En pouco tempo este libro de Ricardo Gurriarán converterase en imprescindíbel para aqueles que queiran coñecer a intrahistoria universitaria galega nos anos do franquismo. Ben narrado e mellor documentado, é o complemento necesario do catálogo da exposición “Do Gaudeamus Igitur ao Venceremos Nós” que o propio Gurriarán comisariou, haberá ano e medio, organizado pola Vicerreitoría de Cultura da USC.
Hai poucos libros sobre este tema concreto – a pesares da bibliografía que exhibe Gurriarán -, e corremos o risco de que un asunto tan interesante como este ( interesante porque as loitas estudiantís que se descreben eran pioneiras no Estado, interesante polas consecuencias que sufriron os seus protagonistas ) esmoreza definitivamente na xa decote feble memoria colectiva galega.
Eu teño un interese engadido. Débolle ao deporte do xadrez moito máis do que na miña vida lle poderei devolver: ensinoume unha filosofía da vida moi precisa e práctica, adestroume nos procesos de pensamento sistemático e anticipatorios, viaxoume por España adiante, e last but not least, foi o meu medio de vida durante non poucos anos. Durante eses anos xadrecísticos coñecín moita xente interesante, algúns agora en idade perta da xubilación, e que ante a miña sorpresa aparecen agora no libro de Ricardo Gurriarán.
Porque para min eran xogadores de certo nivel aínda que non competitivos, cos que coincidía nalgún torneo ou directamente porque acudían ás nosas clases. E agora, de súpeto, descubro os seus nomes en Inmunda Escoria como protagonistas daqueles acontecementos:
Falta no libro o ex compañeiro de Instituto de Gurriarán, o prematuramente falecido Guillermo Domínguez Santos ( con quen tantas risadas compartillamos ), pero iso é debido a que as loitas nas que el participaba desenvolvíanse en Madrid. Sei que andivo presente nesa época e naqueles acontecementos Francisco Rey, hoxe no Hospital Xeral de Vigo, porque me ten contado historias de José Guerra Campos, mais non debeu ser protagonista pois non é nomeado. Pero fican presentes Luis Gonzales “Foz”, Xosé Manteiga, Federico Ordax ou Fraga Bermúdez, e xa na memoria D. Enrique Vidal Abascal, quen con tanta dignidade soubo empatizar co estudantado.
Esas persoas antes citadas trasládanme a espazos xadrecísticos composteláns que asocio a cada un deles: ao Atlántico, ao Nemenzo, ao Miami; á aula da Piscina Universitaria ou o Casino. No Atlántico dos primeiros torneos de xadrez hai vinte anos, do Nemenzo onde xogaba con Foz e Guillermo, do Miami onde aparecían como espectadores opinantes Vidal Abascal e Fraga Bermúdez, na aula da Piscina onde estaban fillos dos anteriores e despois eles mesmos, ou o Casino onde no derradeiro Torneo do Burgo das Nacións compartiu Manteiga o seu tempo comigo.
Foi un gozo a primeira rápida lectura deste libro. Tocarame despois ir con máis vagar, aproveitando o gorentoso arrecedendo desta historia non tan lonxana no tempo pero si na memoria.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*