Shakespeare para ignorantes

Limiar: Shakespeare é un valor seguro cando falamos de teatro porque o bardo de Stratford on Avon é probablemente o escritor máis importante da historia da literatura universal, atendendo a audiencia conseguida, a influencia en escritores posteriores, e por suposto polas cualidades das súas obras. A súa dramaturxia vai percorrendo todos os xéneros, e en todos eles vai reflectindo con mestría a alma humana: subliñando as súas paixóns e mesquindades.
Ideas: Primeira: Que o representado sexan personaxes non moi coñecidos das obras menos populares de Shakespeare permite comprender a segunda parte do título e deixa liberdade ao director para afrontar o seu traballo sen hipotecas previas. Por outra parte, os temas son universais ergo non hai perda algunha por non escoller as obras canónicas. Segunda: Recóllese o mellor do elenco: o talento de Quico Cadaval para a palabra e a inmensa capacidade física de Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira para se transformar en segundos de mercenario a atractiva rapaza converténdose polo medio en play boy italiano ou príncipe danés.
Antecedentes: Cadaval ten dúas vertentes, e nas dúas, ao meu entender, está agora no cumio da súa arte. Segundo Manolo Rivas, Quico Cadaval é o mellor escritor galego da actualidade coa peculiariedade de que as verbas do carreirán fican no aire. Un día poderemos falar con vagar disto, da arte de narrar historias. Hoxe déitase apuntado.
A segunda vertente é a de director de teatro, e nesta faceta hoxe non ten no país rival en capacidades para suxeitar aos “histriónicos” e para darlle cancha aos “interiormente contidos”.
Por outra banda, Cadaval é un clásico: probablemente o mellor especialista na nosa terra sobre Cunqueiro, Synge e, por suposto, Shakespeare, do cal dirixiu a última grande representación do CDG: a moi ben valorada “Noite de Reis”. Semella, por tanto, a persoa axeitada para zugar acaídamente as ideas do inglés e transformalas en máis de hora e media de teatro.
Ambiente: O Centro Cultural Caixanova practicamente cheo é unha boa nova, e non só para o teatro. O público atento sempre (entre eles un crítico de teatro, un reputado blogueiro ou unha deputada en Madrid, sentados eles na zona onde eu estaba): pareceume moi representativa a ovación que acompañou á gargallada logo dunha pertinente alusión á Voz de Galicia.
Contido: Fago miñas as verbas precisas do grande Luis Cernuda ao comentar textos de André Gide, en relación ás mellores novelas de Dashiell Hammett: “(…) entretéñenos e recoñecemos que o conseguen pulcra e seriamente, sen concesións mercenarias ao gusto vulgar: á facilidade, á superficialidade, ao efectismo. Mais, unha vez lidas, e admitida a honestidade e o talento do seu autor, semella que a súa lectua aínda non chega a espertar a nosa simpatía fonda nin a nosa indubidada admiración. Lemos para nos diverter ou para aprender, quero dicir, para a nosa aprendizaxe intelectual, e pouco poderiamos aprender dunha lectura cando ésta, ademais de nos entreter, non consiga asociarnos intimamente con ela, non acorde en nos a emoción de compartillar unha experiencia excepcional, tanto intelectual coma humanamente.”
Pois ben: na reflexión da descrición desa fina devasa que afasta a artesanía da obra de arte andaba eu cavilando ata que cheguei a conclusión que o visto onte, este Shakespeare para ignorantes, anda ben máis perto do segundo que do primeiro, e non só pola calidade dos textos comentados, senón que sobre todo, pola calidade escénica do espectáculo: frugal no decorado pero sobranceira no contido, abondoso nos requerimentos solicitados por Cernuda: “a visión da realidade debe ir entreverada de afecto e de ironía”.
Conclusións: Altamente recomendable: excelente traballo dos tres homes no escenario, que conseguen un espectáculo onde saímos non só menos ignorantes senón tamén máis felices.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

2 thoughts on “Shakespeare para ignorantes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*