Atlético e Bayern

Hoxe no serán o Atlético de Madrid e máis o Bayern de Münich xogarán o seu terceiro partido oficial. Teño a fortuna de dicir que vin – naquela vella televisión en branco e negro – os dous primeiros. Tería que revisar as bases de datos porque agora non estou certo de se o Céltic de Glasgow – Atlético de Madrid foi o primeiro partido que vin na miña vida (polo menos o primeiro que lembro); dubido entre ese e o Iugoslavia – Grecia valedeiro para o Mundial 74, que televisaban en plena mañá, e do que dependía a sorte da selección española.

En todo caso, despois das semifinais contra o Céltic (tres expulsados atléticos en Glasgow, o árbitro – Babacan – fíxose moi famoso) toda a familia colocouse no salón presta a ollar a final da Copa de Europa que se ía celebrar en Bruselas, ao pe do coñecido Atomium.

Non lembro moito do partido que xogaran o mércores. A sensación de que o Atlético facía as cousas ben diante dun equipazo cheo de xogadores de moita sona: Maier, Beckembauer, Hoennes, Müller… A ledicia do gol de Luis Aragonés. A sensación de que este xogador erguía os brazos celebrando o gol xa antes de que a pelota pasara a raia. A indignación xeral contra Reina por non atallar un tiro lonxanísimo de Scharzenbeck.

Ao día seguinte, na fila do patio no colexio, antes de entrares en clase, uns cantos nenos de primeiro de EXB comentabamos a pifia de Reina (que conste que agora, volvendo ver a xogada, xa non penso que fora erro do cordobés). A señorita Mari Carmen pasaba por alí, escoitou e tamén tomou parte: “Si, que fallo do porteiro”.

Hoxe volven xogar eses dous equipos. Non sei como será, pero é moi probable que non teña a emoción nin a ilusión das primeiras veces, dos descubrimentos da vida.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*