35 anos e o himno galego

Xa o lembrei outra vez no ano 2006. Pero como hoxe cúmprense exactamente 35 anos daquilo cómpre voltar. O segundo partido do Mundial 82 celebrouse na Sede de Balaídos, en Vigo, e enfrontou ás seleccións de Italia con Polonia.

En Galicia houbo dous estadios mundialistas, a Sede de Balaídos, onde xogou os seus tres partidos a cabeza de serie, Italia, ao cabo dun mes despois, campiona do mundo; e a Sub Sede de Riazor, na Coruña, onde as outras tres seleccións (Polonia, Camerún e Perú) xogaban entre elas.

Dicía que Italia xogaba con Polonia. Antes de escomenzaren o partido as seleccións e o trío arbitral formaron para escoitar cadanseu himno. O himno de Italia é recoñecible, a música é de Verdi. De seguido, ou polo menos así o lembro eu, empezou a escoitarse o himno galego, ante a perplexidade dos dous equipos e dos árbitros que non sabían identificar aquilo que ouvían pero, por se acaso, mantiñan a compostura e seriedade.

Aquel partido, como todos os do Mundial 82, era retransmitido por TVE. Miguel Vila – un clásico do Estudio Estadio, un home comedido – era o encargado dos comentarios. Aquela vez perdeulle a locuacidade: Ao tempo que as cámaras de televisión ían reflectindo cada primeiro plano dos asombrados xogadores polacos, o capitań Zmuda, os clásicos Jalocha e Lato, a superestrela Boniek, que escoitaban a música de Pascual Veiga sen mover un músculo da faciana, a Miguel Vila non se lle ocurriu outra cousa que comentar algo así como “Fíjense, señores telespectadores, en la emoción que embarga a los jugadores polacos al escuchar su himno nacional”.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*