Xerardo Fernández Albor

O centenario expresidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor, volveu á actualidade estas últimas semanas gracias a Fariña. Na serie, estupenda, Ernesto Chao encarnouse no vello médico compostelán, e apareceu outra vez as lembranzas de cando o prócer viaxou a Portugal para convencer a aqueles emprendedores que estaban moito mellor na terra que lonxe da casa.

De Albor case ninguén di que foi piloto da Luftwaffe na Segunda Guerra Mundial. Mesmo hai quen baixiño comenta que foi un competente espía. Todo está agachado polo respecto que concede a senectude.

De tódolos xeitos, a anécdota que prefiro de tan alta autoridade contouma un dos mellores actores galegos, que cando aínda era Presidente da Xunta coincidiu con el en asentos contiguos nunha viaxe en avión desde Santiago ata Madrid.

Don Xerardo pasou a viaxe rompendo papeliños e meténdoos no bolsillo do asento de diante, onde estaba unha revista. Rematada a viaxe, o actor remoloneu ata que disimuladamente recuperou todos aqueles papeis esnaquizados.

Dúas horas despois, riba da cama do hotel, recolocou aquel puzzle. A meirande parte dos documentos eran tiquets de viaxe ou de comidas. Só había un papel orixinal, manuscrito. Puña: “Contarlle ao Presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo o chiste do dentista”.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*