Carlos Permuy

Estou consternado polo pasamento de Carlos Permuy Lorenzo, un dos mellores xadrecistas galegos que eu coñecín.

Cando eu empecei a xogar ao xadrez, hai xa trinta anos aproximadamente, sen dúbida Permuy era o xogador máis destacado en Galicia. Ferrolán, participante habitual nos campionatos galegos, tiña un estilo difícil de clasificar. Non lle prestaba atención especial ás aperturas, aínda que tivera unhas cantas moi ben estudadas (a variante húngara da siciliana – que pola súa influencia e a de Julio Leira e Diego Guerra había quen a denominaba “variante ferrolá”-, a apertura Bird ou a defensa holandesa); e non tiña especiais feblezas no medio xogo ou nos finais. O que caracterizaban as súas partidas era un carácter salvaxemente competitivo e concentrado. Aproveitaba esplendidamente algún pequeno erro rival para castigalo ata a rendición final. E utilizaba as armas psicolóxicas que adoitan presentarse durante os campionatos, (antes, durante e despois das partidas) de xeito intelixente.

Rival incomodísimo, sabías que tiñas que ter unha partida perfecta para ter posibilidades de vencer. Eu nunca o logrei. Lembro dúas partidas contra el: unha derrota na Coruña, no campionato de Liga, el defendendo a Ex-Alcólicos e eu á Algalia; e un empate en Corcubión.

Na época na que eu o coñecín, Permuy aproveitaba a súa condición de campión galego para ser o voceiro do abondoso grupo de opositores á Federación Galega de Xadrez. Co tempo, a súa posición foi máis moderada e mesmo foi adestrador dalgún xogador ou selección nos campionatos estatais.

Naqueles tempos fumaba moito e era normal velo de seguido cunha Estrella Galicia nas mans.

Sempre en equipos do norte de Galicia: As Pontes, Ferrol, A Coruña, Ribeira… asociareino sempre a un pequeno grupo de xogadores do que el era o líder natural: Leira, Castro, Barros. Tiña unha característica voz rouca e non agachaba as súas pretéritas adiccións ás drogas, que, supoño eu, convertírono no home sardónico e sobrevivinte – e un chisco desconfiado – que el xa era cando o vin por primeira vez.

Se como xogador enfrontámonos poucas veces, como adestradores coñecino un pouco máis. Levabamos cada un de nos aos dous mellores xogadores novos galegos. El a Xan Guillén, eu ao máis novo Javier Rey. A pesares dalgún desencontro, que pasado o tempo xa nin lembro a causa, gocei moito da súa compaña nas noites de Pontevedra ou Oropesa, onde el daba por sentado a normalidade que supuña a especial relación de Ferrol co Celta (Fernández Amado, Juan, Castro, Camilo…) causada pola desconfianza que se tiña alí ao equipo da capital de provincia. Outros tempos, supoño, ou non.

Permuy era máis que o campión galego de xadrez. Era o líder político contra a Federación, o irmán maior que corrixía os erros no taboleiro, o xogador que os veteranos de Coruña, Vigo e Ourense respectaban como superior.

Será raro non volvelo ver nos torneos. O meu pensamento vai na súa lembranza e o meu agarimo a Merce.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*