Socórramme em MarrocoS

Vexo que xa hai movementos en redes sociais suxerindo o Premio Nobel da Paz do ano 2010 para Aminetou Haidar. Requisito imprescindible para o conquerir seica é estar vivo, e a folga de fame da saharaui está sendo moi prolongada no tempo e non semella que estemos en escenarios favorables para o seu cese.
Como non son experto en premios Nobel non sei dicir se Haidar merecería tal galardón, independentemente da simpatía que nos poida suscitar ela e a súa xusta causa. Para min, mais ben que non, aínda que os premios máis prestixiosos do mundo destacan polas súas ausencias, polas escusas que substitúen extemporaneidades e polos desatinos: Churchill en Literatura ou Kissinger en Paz son bromas moi pesadas.
Digo que para min non, pois estando o listón da esixencia moi baixo, e sendo todos proclives para a súa causa non hai razón obxectiva para tal concesión. O problema saharaui chega dende tan lonxe e as víctimas teñen tan pouca relevancia mediática e económica que máis que problema definiriase coma engorro. Supoño que o pobo saharaui sentirase traizoado por España, Estado que curiosamente ten nos seus cidadáns os seus maiores defensores (sobre o papel e de xeito teórico) dos dereitos dese pobo: Lembremos que desde a dereita máis extrema ata a esquerda máis esquerdosa, desde o centralismo máis paletamente madrileño ata os nacionalismos máis periféricos ( por cuestións de fondo distintas, iso si) están a favor da causa saharaui.
O certo é que por razóns de Estado por min ignotas sempre son os marroquís os que acadan os seus obxectivos (descontando a gloriosa toma da Isla Perejil), e creo e temo que desta volta a vida de Aminetou Haidar dalles por completo sen coidado.
Non sei cal é a solución. Propola para o Nobel do vindeiro ano de certo que non.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*