Alemania 1974. Cruyff

Alemania 74.
Campión: Alemania Occidental.
Mellor xogador: Johann Cruyff.

Unha das miñas primeiras lembranzas futbolísticas (televisivas) remóntanse á fase de clasificación para o Mundial 74 de Alemania, da Alemania Occidental, que se dicía daquela para a diferenciar da Alemania Oriental ( ou autodenominada “democrática”). Un día, a volta do colexio polo mediodía, vin que na televisión botaban un Grecia – Iugoslavia. Alleo ás cuestións matemáticas e máis atento a sonoridade dos nomes dos países, manifestei a miña predileción polos iuguslavos, ao que meu pai respostou que o maior interese para España sería a non victoria para aqueles. O resultado daquel partido, 2-4, provocou un partido de desempate entre España e Iugoslavia, que foi celebrado en Francfort e que tamén rematou coa victoria balcánica despois dun gol de Katalinski á saída dun córner.
España quedou fora do primeiro Mundial post Pelé, o mellor xogador da historia do futbol segundo a opinión estendida na época, aínda impresionada polo Brasil do mundial de México 70.
Fun un siareiro fiel do meu primeiro Mundial de fútbol, e vin tódolos partidos que puiden, e na inocencia da infancia decidín admirar aos bos, aínda que perderan.
Lembro a estupenda sorpresa de Polonia; o gol de Sparwasser que lle deu unha alegría histórica á Alemania Oriental; os nomes alemáns: Maier, Beckembauer, Overath, Müller; e sobre todo aos vencedores morais do torneo: a Holanda encabezada por Johann Cruyff, un grandísimo xogador, líder indiscutible dun equipo cheo de figuras: Neeskens, Rep, Krol, Rensenbrink, e de porteiro Jongbloed, que non usaba luvas.
Fican para sempre na memoria as imaxes do Holanda-Arxentina, co gol de Cruyff superando a Carnevale. Ou a Taylor, o árbitro inglés sinalando o punto de penalty ao medio minuto de se iniciar a final.
Gañou Alemania, que no partido decisivo foi máis eficaz que Holanda, en boa parte polo traballo de Vogts sobre Cruyff, pero o pequeno país europeo gañou aos neutrais para sempre pola herdanza do Ajax convertida nunha sinfonía laranxa.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

One thought on “Alemania 1974. Cruyff

  1. “A laranxa mecánica”, impresionante selección. Eu vin a final en Corme, que digo eu que sería no verán.
    Acórdome perfectamente como marcou Neesquens de penalty ao principio do partido. Ao igual que ti, decantárame por Holanda. E tamén penso que foi a mellor selección do mundial.
    No que se refire ao mellor xogador do mundo, se pensamos no número 2 non é doado, hai moitos, e Pelé sería un deles, xunto con Maradona, Beckenbauer “O Kaiser” (recórdolle un partido cun brazo en cabestrillo, que elegancia de xogador), Cruiff, George Best (¡lástima de xogador!), Garrincha (que regateou ata a súa sombra),Bobby Charlton, Eusebio, Platini, Van Basten, Zidane…
    Pero para min o rei indiscutible é don Alfredo di Stefano.
    Dijo eu.
    ¿Ou non?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*