Imaxes

Somos memoria ( ás veces memoria construída), e a memoria exprésase en recendos, cheirumes, verbas e tamén en imaxes.

Imaxe 1ª: Dende a terraza do edificio dos meus tíos, perto da Dehesa de la Villa, óllase a un rapazolo, aínda non adolescente, ir en bicicleta, saltando da beirrarúa á rúa e volta outra vez. Un autobús ponse ao seu carón, ruído agudo dun freazo, berridos. Fórmase un barullo de persoas xunto ao autobús. Chega unha ambulancia. Non sacan padiola algunha. Ao pouco tempo unha saba branca tapa o corpo do rapaz. Teño gañas de vomitar.

Imaxe 2ª: Festa de despedida a cooperantes galegos en Latinoamérica. Calor. Caipirinhas. Todas as miradas diríxense ao rapaz galego que afundido nun sillón medio roto non para de beber. A súa moza (ou xa ex-moza) estase magreando cun dos anfitrións, que de contado irá buscar un lugar máis recollido para rematar a súa alegría. Todo o mundo mira ao rapaz. É absurdo tanto sadismo, non hai nada que ver.

Imaxe 3ª: De noite. É a primeira vez que vexo un morto: Fáltanme dous meses para cumprir tres anos. O avó sentado na silla de madeira. Tras del, miña nai e as súas dúas irmás, de pe, saloucan. Na caixa miña avoa. Escoito a miña irmá preguntar como quero os ovos fritidos. Afástome da porta da última habitación da casa para liscar correndo á cociña.

Imaxe 4ª: Río Miño, verán. O xantar foi abundante de máis. A auga non parece fría. De súpeto aparezo no fondo, tento ir cara fora e non son capaz. Outra vez fico mergullado. Volvo tentar saír e volvo baixar. Aproveito un penedo para coller pulo. Quero berrar e non podo. A non máis de dez metros dúas parellas e unha muller embarazada, que non mira pra min. Volvo para baixo e volvo saír. Non son capaz de precisar o tempo que estiven no remuíño, vinte segundos ou dous minutos. Cando aparezo na area rompo a chorar.

Imaxe 5ª: Verán de tarde. Moita calor. Estamos seis ou sete nunha cabaniña dende onde se ve todo Ourense, en Ervedelo. O neto do Sr. Federico, algo maior ca min, terá trece ou catorce anos, métese comigo dicindo que a min me gusta Mónica, a neta do Sr. Benxamín. É certo, pero eu (sempre estúpido, a estupidez non sabe de idades) négoo. O acoso aumenta e o franchute arrepóñeseme. El é máis alto e máis forte, eu un covarde. Ven por min, bótolle unha trabada ao seu lombo que rompe a camiseta e faille sangrar. El chora e vaise. Voume eu tamén. Non volvín falar con ela.

Imaxe 6ª: Avoa paterna e avó materno no piso de Vigo. Recén viúvos os dous ( máis recén el ca ela), están sentados no sofa. Eu son pequeno para ir á escola. Miña nai dame dúas copiñas, que despois encho de Sansón. Eles brindan. É a única vez que os vin xuntos.

Imaxe 7ª: Salón nobre do Liceo de Ourense. Últimos minutos do Campionato de España universitario de xadrez. Son o delegado do meu equipo, e quédanos unha partida para rematar. Xoga con nos o que fora hai dous anos subcampión de España individual. Na man dereita levo unha libreta pero agora os cálculos seinos de memoria. Ofrécenlle táboas ao noso xogador. El me mira: Se acepta o noso equipo queda subcampión de España, se gañamos seremos campións. Dígolle que continúe. Xoga. Perdemos.

Imaxe 8ª a): Estou cunha rapaza. Recebe unha chamada telefónica; deduzo que é o mozo. Empezan a discutir e na leada ela equivócase e interpélao usando meu nome. El enfádase. A min non me importa.
Imaxe 8ª b): Estou con outra rapaza. No medio das apertas e a medio espir ela bisbisea un nome distinto ao meu: A min non me importa.

Imaxe 9ª: Reviravoltas de inicio na autoestrada en Santiago de Compostela, xunto á Ponte da Rocha. De súpeto perdo o control da direción do coche, seica pasei por mancha de aceite. Vou en cámara lenta de despacio que ía o coche, pero non consigo que o volante obedeza. Suavemente vai esvarando cara a mediana de formigón. Dame tempo a pensar que ata podería saír e empurrar o coche para evitar o golpe. Dame tempo a pensar que ao mellor o coche para antes de chegar a impactar. Choca nun lateral, ráianse as dúas portas.

Imaxe 10ª: Como o parto está a durar demasiado tempo, a comadrona colle unhas tesoiras e mete as mans. Regresa cunha presada de cabelos loiros ao tempo que anima: “veña, que xa está eiquí.”


Imaxe 5ª
ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*