Apuntes (breves) dun goberno perdido.


O pasado sábado 18 de xullo (aniversario, por certo, do glorioso día no que recibín a primeira paga como traballador por conta allea), o xornalista de El País Juan L. Cudeiro facía unha pregunta retórica ante o público asistente ao Seminario sobre Comunicación e Deporte, pertencente á Universidade de Verán 2009, organizado pola Fundación Azkar e a Vicerreitoría de Cultura da USC, e celebrado en Guitiriz: “¿Cómo é posible que os medios de comunicación da Coruña non informasen da celebración do Mundial de Hoquei a Patíns celebrado hai unha semana en Vigo?”

Simultaneamente no Hotel Convento de San Francisco en Compostela, diante dun agarimoso auditorio, o ex-vicepresidente Quintana facía unha laudatoria lembranza pública da ex-conselleira Ánxela Bugallo (recibida a mensaxe con aplausos da concorrencia).

O día seguinte, no devandito Seminario, a xornalista Milagros Alonso disertaba, espléndidamente, sobre as funcións dun xefe de gabinete de prensa, facendo alusión, primeiro, a súa experiecia de tres anos e medio na Dirección Xeral para o Deporte, e posteriormente e como consecuencia das preguntas dos presentes, facía unha clara disgresión verso a campaña difamatoria urdida contra os rectores nacionalistas do deporte galego por parte de La Voz de Galicia (sen nomeala) e por parte dun deportista e o seu adestrador (Cal e Morlán). A conclusión que deitou foi a seguinte: “nada se pode facer se veñen contra ti”.

Paréceme pesimista a frase da xornalista. Algo hai que facer contra a calumnia, alén a presentación dos documentos que proben a falacia artellada polos sucesores de William R. Hearst. Pero mentres pensamos como loitar contra os Goliats de papel cómpre reflexionar sobre aquilo mal feito cando ainda se podían facer cousas.

Cudeiro quixo facer unha reflexión en voz alta sobre o estúpido cainismo localista que empobrece a nación: non é só aplicable aos forofismos deportivos, temos para desgraza nosa moitos máis: tres universidades, tres aeroportos, o derroche indecente do Porto Exterior da Coruña ( u-lo Santiago Rey Fernández-Latorre para protestar?), as leas das áreas metropolitanas, a saída á rúa de Lores contra a quinta provincia do Sur. Falta no BNG aplicar unha idea conxunta de nación, unha idea responsable da estruturación territorial, falta implementar accións que vaian máis alá do tacticismo curtoplacista e que poidan ser defendidas con coherencia por calquer militante ou cargo público do BNG independentemnte da localidade de onde proveña. Porque os que votaron algunha vez ao BNG fixérono no só porque coidaban que era o mellor para eles e para as súas familias e para o país en xeral, senón porque esa conclusión foi tirada por mor dunha estratexia xeral que fica elevada por riba das urxencias cotiás ( cando menos, así tiña que ser).
Xa sei que esa idea conxunta da comunidade autónoma ou da rexión, segundo respectivamente din os dous partidos de ámbito estatal, aínda está menos por desenvolver. Pero iso non debe ser consolo para aquel que pretenda ser riguroso na análise da sociedade.

Ánxela Bugallo foi unha excelente responsable da cultura galega. Sei que houbo puntos de xestión manifestamente mellorables (cando non?), pero tanto en comparanza con tódolos conselleiros de cultura anteriores coma por desgraza, por agora, co posterior, a súa figura sae notabilisimamente engrandecida. Nun tema que eu coñezo moi ben: o deporte galego: unha só das realizacións feitas nos tres anos e medio ( tres anos escasos reais) de lexislatura pola Dirección Xeral para o Deporte xa merecería o aplauso e o recoñecemento xeralizado da opinión pública: a) resolver o problema do Comité Galego de Xustiza Deportiva; b) dotar de contido á Fundación Deporte Galego; c) o renacemento das seleccións deportivas galegas; d) a implantación de rigor contable nas federacións deportivas galegas e o intento de garantir a súa democratización interna; e) o inxente traballo feito de pór en valor os xogos e deportes tradicionais galegos, con mención de honra ao traballo feito polo catedrático da USC Constantino Arce. Certo que aínda non era utilizable unha ferramenta mais áxil para conquerir solucionar os atrancos causados polos trámites de subvención a clubs, pero pouco máis se pode pedir en tan pouco tempo.

Contan que a caída en desgraza de Bugallo tivo que ver coa Cidade da Cultura. Contan que a relación persoal que decidiu establecer cunha persoa allea ao seu círculo político non mellorou a valoración que debía merecer.
A miña opinión é a seguinte: Bugallo non debería ter saído das listas do BNG ao Parlamento. Fixo un moi bo traballo que era para estar orgulloso del, e cumpría ensinalo e valorizalo. Dito o cal, penso que as decisións sobre o monstro do Gaiás foron malas: do mesmo xeito que a primeira decisión de Zapatero foi facer voltar ao exército de Irak, eiquí tíñase que ter mandado parar as obras, non investir máis nada que non fora para rematar o rematable e buscarlle un aproveitamento alleo á cultura: porque deste xeito acadábanse varios obxectivos: púñase enriba da mesa a inmensa trapallada que foi parida por Pérez Varela, amosábase contundencia e claridade na política futura a seguir, e a máis importante, visualizábase de xeito irrefutábel que non todos os políticos son iguais, non todas as políticas son as mesmas, e que o xeito de facer política do BNG ía ser moi distinta á feita polo PP. E como había que procurar un candidato para “nominalo” para evidenciar estes factores, que mellor que a megalomanía rival para deixar clara as intencións do novo goberno? (Con documentos e facturas, con todo, por suposto, ben clariño, na mesa).
Sobre os amores hai algo que dizer: Xustamente que ninguén ten nada que opinar, faltaría máis. E se ninguén de nós aturariamos que criticaran as nosas decisións sentimentais, nada hai que faga máis lene esa norma para os cargos públicos. Neste caso, a maior abundamento, foi salientábel a discreción absoluta da parella. En todo caso, xurdiu nunha cuestión meramente particular sen trascendencia mediática, se se quere, unha oportunidade desaproveitada: Un dos motivos máis utilizados polos conservadores na campaña facía mención ás desavinzas entre os dous partidos do goberno. Contestación na campaña: ¿Qué mellor refutación ás insidias ( non de todo infundadas ) sobre o bigoberno, que pór diante do público que os dous partidos – aínda sendo distintos e non mantendo unha ollada semellante sobre a realidade e as súas problemáticas-, non só non se levan mal, senón que se levan “moi ben”, tanto que naceu o amor entre dous membros do gabinete?
A estratexia da campaña do PSOE foi patética, a mensaxe ridícula ao tempo que provocadora. A campaña do BNG foi mellor en xeral, pero erros (algúns non provocados pero evitables) oportunamente magnificados, esaxerados e mesmo inventados polos enemigos causaron un dano irreparable. Certo, pero non esquezamos que o primeiro erro foi a marxinación causada a Bugallo, coa consecuencia posterior de non poder vender como é debido a xestión cultural feita. E non foron os únicos erros cometidos.
Mellorable a xestió cultural? Como non? Pero o público sensible á cultura galega, os axentes culturais, poden ser esixentes e “exquisitos” pero tamén máis proclives a entender a cultura galega desde os ollos do nacionalismo progresista que desde os ollos de Alberto Núñez, poñamos por caso.

Desexaría que por quen proceda se rematara a análise do que pasou para que non volva ocorrer. Porque no ano 2013, a máis tardar, é posible ( digo máis, é probable cun anaco de vontade e intelixencia) un troco de goberno que impida a definitiva desconstrución do país, da nación ( en acertadas verbas, cando menos de González Mariñas).

As ostras son do restaurante Esteban, en Sanguiñeda, Mos. Faltan os caracois, porque segundo as verbas que Craso dirixiu a Antonino ( pensadas por Dalton Trumbo), é tan moral comer ostras coma caracois ( mesmo tamén na política).

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*