De churrerías e xardíns

Mentres eu pasaba catorce horas ao día, sete días á semana, na praia de Palma alugando velomares, tumbonas e hamacas, os mellores amigos que deixara na Galiza traballaban a súa vez nas noites de verán na churrería de Nacho Galiano, indo de romaría en romaría, de verbena en verbena: Coia a San Roque, Peregrina ao Carme, Santiago a Bouzas, nunha infinita sucesión de noites graxentas que remataban coa promesa de non volver comer churros ou patacas fritidas nos seguintes nove meses.
Aqueles traballos estivais daban froitos: eu aproveitei os cartos para obter con dezaoito anos recén cumpridos o carné de conducir e despois para sobrevivir en Compostela mentres o xadrez non chegaba á miña vida. Aos colegas, a Fran, por exemplo, valeulle para rematar a carreira tamén en Santiago – durmindo nos barracóns do Burgo – e despois pagar o Máster de Caixanova.
Pero houbo máis puntos de intersecións. O propietario da churrería, Nacho, un tipo forte, bruto e noble, déuselle por rematar a carreira de dereito en Santiago que facía tempo escomenzara na UNED en Pontevedra. Por iso estivemos xuntos algunhas veces aqueles anos: eu deixáballe apuntes ou emprestáballe libros e el correspondía con sabios consellos sobre a vida en xeral e as mulleres en particular ( consellos que, lamento recoñecer, non foron aplicados cando tiven necesidade varios anos máis tarde ).
Unha das asignaturas que toleaba a Nacho era a de dereito procesual e por mor do profesor daquela: Luciano Varela, maxistrado coñecido por ser un dos fundadores de Xuíces para a Democracia. O feito é que a relación persoal entre eles dous estaba desfeita porque Luciano Varela recoñecera a Nacho nunha das clases e foi capaz de lembrar como aquel home de espaldas inmensas fora o mesmo rapaz que moitos anos atrás fixérao pasar mal no barrio de Pontevedra onde os dous vivían. “Cousas de nenos” xustificábame Nacho, pero o feito é que o agora Maxistrado estaba resolto a non esquecer nin perdoar.
Nos exames, Varela colocábase a hora enteira ao carón de Nacho. O nivel de esixencia para aprobar a asignatura convertiuse no exame inmediatamente mellor que o do noso amigo. Ao cabo Nacho decidiu que esa asignatura sería aprobada noutra facultade.

Para min foi unha boa lección para a vida: todos somos iguais, non ante a Lei ( que está claro que aí si somos distintos ), pero si ante os vicios, pecados e defectos. Podes ser maxistrado ou estudante; obreiro, parado ou empresario; a carne – a cinza – da que estamos feitos é a mesma para todos.

Hai poucos meses escoitei a Luciano Varela na Radio Galega, no Galicia Primeira Hora, entrevistado pola nova composición do Consello Xeral do Poder Xudicial e o sistema de cuotas. O seu discurso foi patético, institucionalizado ( burocratizado ) lonxe do profesor ambicioso e valente que noutrora fora na USC.
En moi poucos días imos ter Luciano Varela ata na sopa, vanse examinar cada un dos seus acenos, interpretaranse á conveniencia as verbas que deite nos autos xudiciais baixo a súa encomenda, porque tocoulle a el decidir sobre o Xuíz Estrela, sobre o famosísimo Garzón. E nada será igual despois de que Varela decida, porque hai dúas forzas enfrontadas: a negra sombra do franquismo que está moi ben pousada nas institucións xudiciais contra a ambiciosa idea dunha xustiza universal. Pero baixo a simple xeralización ( bos contra malos, dereita conta esquerda, nacionalistas españois contra nacionalistas periféricos ) teremos neste caso unha penitencia evidente producto do pecado da non despolitización da xudicatura – tarefa pendente dende a chegada da democracia – : se Varela é favorable a Garzón a caverna lembrará que é membro de Xuíces para a Democracia, mesmo que dictaba sentenzas en dialecto galego; se vai na súa contra volveremos falar dende a progresía do conservadurismo inherente á xudicatura, do castigo a aquel que profanou o xardín.
Xa entrando lixeiramente no tema xurídico, o máis que probable arquivo da querela atendendo ao ridículo plantexamento do querelante ( independentemente que sexan de estrema dereita ou sobre a posible falta de lexitimación activa ) que de progresar faría inmediatamente sospeitosos de prevaricar a tódolos xuíces que dictan sentenzas posteriormente revocadas por instancias superiores ( unha estupidez infinita, en fin ), non nos debe facer esquecer que o problema de fondo é o moi peculiar sistema xudicial español, cun órgano estatal potentísimo, a Audiencia nacional, de difícil encaixe constitucional e máis pensado en situacións de excepcionalide política. As atribucións por razón da materia provocan a notoriedade daqueles xuíces con maior tendencia a se comportar como fiscais ( priorizando principios inquisitorios sobre a neutralidade da investigación ou os dereitos dos investigados ). Non é estrano que as forzas de seguridade coñezan perfectamente que Xulgado da Audiencia Nacional está de garda para solicitar a súa conveniencia os rexistros, entradas, intervencións, que maxistrados máis rigurosos non aceptarían.
Tamén podemos entrar a falar do sistema de retribucións dos xuíces, das estatísticas xudiciais, dos módulos, dos resultados dos alardes e da indecente tendencia a admitir unha querela antes de ollar – aínda que fora lixeiramente – o seu contido. Pero hoxe non toca.

ComparteShare on TumblrTweet about this on TwitterShare on Google+Share on FacebookEmail this to someone

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*